Venres, 11 de Febreiro de 2022
Trátase dun amplo programa que inclúe monólogos, comedia, música, teatro contemporáneo ou monicreques.
Máis dunha vintena de espectáculos para todos os públicos e todos os gustos, desde monólogos ata musicais, pasando por monólogos e monicreques, encherán de cultura o Pazo desde marzo ata xuño. Un dos pratos fortes deste cuadrimestre será a VI edición do Festival Internacional do monólogo teatral Singular, do que podes consultar todo o programa premendo aquí.
O resto de espectáculos previstos para este período son os seguintes:
- Sábado 2 de abril ás 20:00 h. Rastros, escrita por Roberto Vidal Bolaño con adaptación e dirección de Lois Blanco. A protagonista da obra é Esther, unha muller descaradamente libre que acostuma a dicir o que pensa e facer o que sinte, sen prexuízos. Elenco: Antea Rodríguez, Muriel Pernas, Pablo Carrera e Mateo Franco.
- Domingo 3 de abril ás 18:00 e ás 20:00 h. De ellos aprendí. El musical de los grandes musicales. Un total de nove artistas, bailaríns e cantantes, con todas as voces en directo e unha impresionante escenografía acompañada de proxeccións, xunto cun vestiario moi coidado, fan deste musical para o público infantil un espectáculo único que inclúe escenas e personaxes de La Sirenita, El Rey León, Frozen, Aladdín, Rapunzel e La Bella y la Bestia.
- Sábado 9 de abril ás 20:00 h. Golfa. Un tema tan actual como o do acoso virtual está no centro da trama desta obra escrita e dirixida por José Padilla. O punto de partida é a aparición, unha mañá, dunha pintada, “GOLFA”, fronte á porta dun instituto, un insulto anónimo a través do que imos descubrindo a historia que hai detrás. Elenco: Fran Cantos, Montse Díez, Ana Varela, Marisa Rivera, Ninton Sánchez.
- Domingo 10 de abril ás 18:00 h. A cazola de Lola. Teatro de monicreques para o público infantil a partir de 5 anos.
- Sábado 23 de abril ás 20:00 h. RIF (de piojos y gas mostaza). Narra a dura historia de tres soldados do exército español nas terras do Rif despois do Desastre de Annual. A través das súas historias, dos seus relatos, das súas vivencias, desfilarán diante de nós personaxes clave daquelas guerras: deputados, altos comisarios, reis, prostitutas, xornalistas, militares... Elenco: Arantxa Aranguren, Mateo Rubistein, Jorge Varandela, Ibrahim Ibnou, María Elaidi, Carlos Jiménez-Alfaro, Mariano Llorente e Nestor Ballesteros.
- Venres 29 de abril ás 20:30 h e sábado 30 ás 20:00 h. Morgana en Esmelle (ADIADO A UN ÚNICO EVENTO O DÍA SÁBADO 21 DE MAIO ÁS 20.00H). A inmensa, magnética e fascinante novela de Begoña Caamaño é adaptada con paixón por Sarabela Teatro nun diálogo coa autora para devolver ás espectadoras e espectadores unha parte pequena do seu universo único. Elenco: Quico Cadaval, Fina Calleja, Fernando Dacosta, Sabela Gago, Laura Míguez e Elena Seijo.
- Venres 6 de maio ás 20:30 h e sábado 7 ás 20:00 h. Morte accidental dun anarquista. Cándido Pazó adapta e dirixe esta comedia, sátira implacable, de Darío Fo na que un anarquista falece tras caer pola fiestra dunha comisaría na que está sendo interrogado pola policía. Elenco: Toño Casais, Diego Rey, Marta Ríos, Marta Lado, Dani Trillo, María Ordóñez, Artur Trillo, Xurxo Barcala e Rubén Prieto.
- Sábado 14 de maio ás 20:00 h. N.E.V.E.R.M.O.R.E. Esta coprodución de Chévere e o Centro Dramático para abrir a tempada do Teatro “María Guerrero“ usa a memoria dunha catástrofe ecolóxica (a do Prestige) como detonante para desenvolver unha narrativa escénica sobre o presente. Elenco: Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Manuel Cortés, Mónica García, Arantza Villar e Borja Fernández.
- Sábado 28 de maio ás 20:00 h. Othello. O clásico de William Shakespeare traído ao século XXI baixo a dirección de Marta Pazos e a adaptación de Fernando Epelde para tratar temas universais como a xenofobia, os feminicidios, a mentira ou os prexuízos desde un punto de vista actual. Elenco: Hugo Torres, Joaquín Abella, Ángel Burgos, Ana Esmith, María Paz Sayago e Chumo Mata.
- Venres 10 de xuño ás 20:30 h e sábado 11 ás 20:00 h. Los santos inocentes. A novela de Miguel Delibes (adaptada por Fernando Marías e Javier Hernández Simón) é un espello no que mirarnos, como sociedade e como individuos. E como todos os espellos, devólvenos o reflexo do noso pasado para que podamos explicar o noso presente. Elenco: Javier Gutiérrez, Pepa Pedroche, Fernando Huesca, Yune Nogueiras, Marta Gómez, Luis Bermejo, José Fernández, Raquel Varela e Jacobo Dicenta.