AS FILLAS BRAVAS DE MOMÁN

  • Teatro
  • Musical
DATOS BÁSICOS

TEATRO MUSICAL

As fillas bravas son tres mulleres que tocan e cantan o que lles peta como antes fixeron a súa nai e a nai da súa nai, porque todas son fillas do vento, mulleres de andar a pé do toxo, orgullosas de vir de tras da silveira, cantoras dunha estirpe de voces furtivas que berran entre raposos.

Con esta peza Chévere segue a explorar as posibilidades dun teatro con perspectiva de xénero para sensibilizar á sociedade frente á violencia machista e as desigualdades entre homes e mulleres. Dáselle continuidade así a traballos anteriores que cuestionaron a rixidez dos xéneros (Testosterona), reivindicaron as voces silenciadas dunha forza de traballo feminina que segue levantando imperios económicos na era da globalización (Citizen), ou promoveron unha lectura crítica dos valores machistas que transmiten as cancións románticas (I’ll be watching you). Nesa liña de traballo, As Fillas Bravas veñen para reafirmar modelos empoderados de muller, vencellados a expresións culturais tradicionais que agochan berros emancipatorios e cantos de rebeldía insospeitados.

As Fillas Bravas é tamén un traballo de investigación sobre a sexualidade, as relacións de xénero e os roles da muller na sociedade tradicional que aparecen reflectidos nas coplas do cancioneiro popular galego, para o que se fixo un traballo de procura, escolma e adaptación de textos de transmisión oral publicados desde a segunda metade do século XIX.

As músicas usadas no espectáculo están inspiradas en cantos tradicionais recollidos en diferentes lugares de Galicia. Entre eles, "Pandeiretada" gravada no primeiro disco de Radio Cos e "Danza de Cerdeira", gravada no primeiro disco de Leilía.

PREZOS

2025-01-31 - 20:30:

  • Abonados e tarifa reducida: 6,65 €
  • Público xeral: 9,50 €
FICHA ARTÍSTICA

Dirección   Xron

Adaptación  Manuel Cortés

Escenografía  Chévere

Deseño son  Xacobe Martínez Antelo

Deseño iluminación Chévere

Vestiario   Fany Bello

Música  Popular

Coreografía  Chévere

Elenco artístico: Patricia de Lorenzo, Mónica García, Arantza Villar, Chusa Pérez de Vallejo e  Gema Santos.